Saturday 04 de May de 2024

O BNG insta a Ruiz a escoitar á veciñanza de Aguiño antes de reformar a rúa Castelao unilateralmente


O inicio das obras que limitarán o tráfico na rúa Castelao de Aguiño é inminente, por iso o BNG acaba de instar ao rexedor ribeirense a abrir un diálogo coa veciñanza antes de levar a cabo, segundo din, esta actuación deseñada de maneira unilateral.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, cre que un dos principais problemas é a actitude do goberno local, pois segue facendo actuacións sen contar coa participación social necesaria para que teñan unha boa acollida por parte da veciñanza. “Non consultaron esta actuación coa veciñanza que vive na rúa Castelao, só fixeron unha presentación cando tiñan o proxecto acabado e non deron posibilidade de achegar melloras”. Pérez Barral asegurou que “é imprescindíbel ter en conta as achegas das veciñas e veciños á hora de realizar os proxectos porque se non se fan coa súa participación é cando xorde o malestar que o goberno local está provocando co seu modo de traballar”.

Os concelleiros Luís Pérez e Cruz Rivadulla, tras falar coa veciñanza da rúa, puideron constar os problemas que esta obra implicará pois, ademais da inexistente participación, dificultarase a entrada e saída de garaxes por mor do carril bici e non se creará ningunha zona verde. “Van gastar case un millón de euros para aumentar o cemento, eliminar os aparcadoiros e provocar problemas de tráfico, como xa fixeron na reforma das Carolinas ou do Malecón. Se algo sobra neste concello é cemento, precisamos zonas verdes e espazos onde a xente poida desfrutar do seu tempo libre pero no canto de facer iso, gastarán moitos cartos que provocarán un profundo malestar social” lamentou Barral.

Con respecto á mobilidade, no BNG recordan que levan anos traballando e facendo propostas para fortalecer o transporte público e facer de Ribeira e das súas parroquias lugares máis accesíbeis pero cuestionan a falta de planificación do Partido Popular facendo obras que carecen de sentido ao non ter un proxecto global e de futuro. Como exemplo desta falta de planificación, os nacionalistas poñen o carril bici que está previsto facer que non terá conexión con ningún outro nin hai plans a medio prazo para amplialo, “de que vai servir un carril bici que nace e morre na mesma rúa?” recrimina Barral.

Deter a actuación e incorporar melloras

Desde o BNG instan ao goberno local a deter a actuación prevista para abrir un diálogo coa veciñanza e cos partidos da Corporación que permitan incorporar melloras que sexan aceptadas pola maioría social. Pérez Barral téndelle a man ao alcalde para incorporar melloras solicitadas pola veciñanza, ampliar zonas verdes ou avanzar na accesibilidade universal.

“No BNG non podemos ficar de brazos cruzados ante as ocorrencias dun goberno esgotado e sen ideas, querémoslle ao noso concello e por iso seguiremos dialogando coa veciñanza e presentando alternativas en positivo”.